terça-feira, 13 de setembro de 2011


Enfrontarse, querer impor novas ideas e transformar o mundo é unha insensatez.
Na nova xeración, abunda esta argumentación, que, por suposto, non a inventaron, senón que a herdaron da xeración anterior, daqueles revolucionarios desencantados, dos que interpretaban que o fracaso da súa ideoloxía era producido pola propia ideoloxía e non polo aplicación defectuosa da mesma. Como non foron quen de impoñer os criterios de igualdade e xustiza que arelaban, o fracaso atribuíanllelo ás ideas mesmas e con iso eludían a responsabilidade que tiñan no malogrado proceso. Non había maneira de cambiar o mundo, o home é lobo para o home, sentenciaban, e cómpre aceptalo.
É preciso armarse, non confiar máis que na forza, coller poder, superar altruísmos insensatos. Isto, unido ao afán de consumo da sociedade, deu como resultado certa xuventude positivista, que ambiciona cartos e poder. Pensan que hai que deixarse de idealismos e de éticas de resistencia, cómpre ser posibilistas.